"A escena emerxente de Pontevedra"
1-INTRODUCIÓN:
O Local de Música, pertencente ao Departamento de Xuventude do Concello de Pontevedra, en colaboración co Departamento de Festas do Concello de Pontevedra promoven “Os Bolos do Local” para apoiar á escena musical emerxente da cidade e busca poñer en valor a creación musical de base organizando unha serie de accións formativas e eventos musicais en rúas e prazas da cidade.
Os obxectivos principais son:
1. Ofertar unha proposta formativa integral para axudar aos grupos de Pontevedra a estruturar un proceso de traballo e de mellora sobre o proxecto artístico.
2. Presentar á comunidade unha mostra da escena musical independente en espazos emblemáticos e representativos da cidade.
3. Ofrecer aos grupos noveis oportunidades para estar en contacto co mundo profesional, darse a coñecer e desenvolver a súa carreira artística.
2-EN QUE CONSISTE :
Os Bolos do local son unha serie de accións formativas orientadas á mocidade que desenvolve actividades musicais en Pontevedra. Os grupos seleccionados participarán nun proceso formativo e de mentorización, adaptado segundo o estado do proxecto artístico. Poderán apuntarse ao proceso unha ou varias persoas compoñentes dos grupos para as formacións.
As accións formativas dividiranse en tres niveis:
-Proxecto “Serán de Tralla”:
Inicial-básico-novel.
Consiste nun asesoramento personalizado para as bandas que están a empezar. As sesións serán individuais de forma presencial ou online. O proxecto remata cunha actuación final para poñer en práctica as melloras formuladas.
-Sesións individualizadas do 13 maio a 28 xuño.
-Convivio/Xornadas de formación: 12/13 de xullo.
-Práctica/actuación: Serán de Tralla 29 xuño. Localización sen definir.
-Proxecto “Son da Serea”:
Medio-pre profesional.
Consiste nun proceso de formación e mentorización sobre os temas máis importantes para poñer a andar o proxecto musical. Dirixido a bandas e solistas con certa traxectoria pero sen dar o salto profesional. En formatos presenciais e online. Remata cunha actuación para poñer en práctica as melloras formuladas.
-MENTORING: Do 13 de Maio ao 13 de xullo.
-Convivio/Xornadas de formación: 12/13 de xullo.
-Práctica/actuación: 29 e 30 de xullo de 2019. Prazas da Cidade.
-Proxecto “A Peregrina”:
Avanzado / Pre-profesional.
Consiste nun proceso de formación e mentorización cunha banda seleccionada que está nun bo momento de traballo. Enfocado á profesionalización.
-MENTORING: Do 13 de maio ao 30 de xullo.
-Convivio/Xornadas de formación: 12/13 de xullo.
-Práctica/actuación: 10 de agosto de 2019. Praza de España. Teloneiro de grupo nas Festas da Peregrina.
Materiais didácticos:
Os grupos seleccionados para “Son de Serea” disporán dun saldo de 250 euros para a compra de elementos que melloren a súa proposta artística.
O grupo seleccionado para “A Peregrina” disporá dun saldo de 500 euros para a compra de elementos que melloren a súa proposta artística.
En calquera caso, acordarase coa organización a utilización destes fondos.
3-PARTICIPACIÓN:
Poderán participar todas aquelas bandas ou solistas con compoñentes con idades superiores aos 16 anos sempre que polo menos un compoñente do grupo estea empadroada/o no Concello de Pontevedra. As persoas compoñentes dos grupos menores de idade afirmarán ter o consentimento de pais/nais ou titores no momento de inscribirse. En caso de resultar seleccionadas/os solicitaráselles unha autorización formal, firmada e por escrito. A matrícula da formación será totalmente GRATUÍTA.
4-DATAS e FASES:
Pre-Inscrición. Ate o 3 de maio de 2019 ás 23:59h.
-Selección: 4 de maio de 2019.
-Confirmación de bandas e calendarios: 10 de maio 2019
5-INSCRICIÓN:
As inscricións poderán facerse unicamente desde o formulario que está ao inicio da nova.
A data límite para a recollida de inscricións será o 3 de maio de 2019 ás 23:59h.
6-DATOS PARA A PRE-INSCRICIÓN:
O formulario solicitará os datos principais do grupo e dos seus compoñentes. Como información chave para preselección do xurado, haberá que presentar:
-1.Descrición breve do grupo e traxectoria, traballos,...
-2.Como información complementaria deberán poñerse ligazóns de interese: Audios, vídeos, redes sociais, web,...
A organización poderá subir e compartir a información dos grupos apuntados ou outra que considere de interese nos seus espazos de difusión web (facebook, blog...)
7-SELECCIÓN:
O local de Música exercerá de oficina técnica do proxecto e valorará a información enviada polos grupos. A organización comprobará que as bandas inscritas cumpran os criterios das bases. Aquelas que non teñan a información solicitada non serán admitidas. A preselección consistirá nunha revisión do material solicitado de cada un dos grupos presentados.
Terase en conta:
-A calidade técnica e musical.
-A profesionalidade e consistencia do proxecto musical.
-A traxectoria e accións de promoción do grupo.
No caso de empate, teranse en conta os seguintes criterios:
-1.Somos galegas e galegos. O noso idioma é, unha vez máis, a chave coa que abrir moitas portas. O uso do galego será un factor moi importante.
-2. Cremos nun mundo feminista, no que mulleres e homes somos iguais. Por iso, que as formacións estean compostas por persoas de ambos os dous sexos será tamén outro dos factores a ter en conta.
A organización colgará información sobre os grupos seleccionados nos seus espazos de difusión web.